CONTO CELGA 4

1

     Aínda que era un rapaz que vivira sempre no campo e xa se atopara moitas veces co lobo, Anxo non vira un lobo igual ca este que entrara na súa cabana, tan negro, tan peludo, tan espantosamente grandísimo, con aqueles ollos sanguinolentos e relucentes que escintilaban máis có lume da lareira, con aqueles dentes brancos e afiados coma navallas, aquel fuciño mouro lixado de sangue fresco, aquelas poutas grandes coma as dun oso...

2

     Cando aquela espantosa fera ía abalanzarse sobre el, Anxo espertou enchoupado en súor e bágoas.

     Estaba no seu dormitorio. Anxo vivía no quinto piso dun edificio en pleno centro de Vigo.

     Mirou o reloxo da mesa de noite. As 4:15, como cada noite.

     Refrescouse un pouco, e pasados uns minutos continuou durmindo. Anxo tiña dez anos, vivía só con súa nai, pois seu pai morrera cando el aínda era moi pequeno. Era fillo único, e tampouco tiña moitos amigos. Era un neno tímido e calado, cun fermoso e longo cabelo negro e uns enormes ollos azuis coma o ceo.

     Gustáballe moito dar longos paseos polo monte, e logo, escribir fermosas historias sobre as fadas e os trasnos que viven nos bosques galegos, nos seus cadernos de viaxe.

     Pero algo non deixaba durmir a Anxo, algo estraño ocurría no seu interior: un horrible pesadelo cun espantoso lobo espertábao cada noite, á mesma hora, desde hai dúas semanas...

3

     Anxo cismaba moito pensando cal podería ser o motivo dese pesadelo tan atroz que o desacougaba todas as noites á mesma hora, e por máis voltas e voltas que lle daba á cabeza non atopaba o motivo.

     Gustáballe moito ler contos antes de durmir; contos de aventuras, máxicos, de heroes, fantásticos... Pero dende que comezou con aqueles pesadelos optou por deixar de lelos pensando que quizais ese fora o motivo do pesadelo que o espertaba tódalas noites á mesma hora: ás 4:15 h. da madrugada.

     Tras moito cavilar decidiu que tiña que contarllo a alguén porque xa levaba dúas semanas e o mesmo soño non cesaba.

     Tomé! Tomé era o seu mellor amigo. Coñecíanse dende sempre. Foi o seu compañeiro de clase e de xogos cando aínda vivía na aldea. Sabía que podía confiar nel. Sabía que todo o que lle contara non sairía da súa boca sempre e cando lle deixase moi claro que era un segredo...

     Pero tiña que esperar ata a fin de semana para poder contarllo, xa que desde había dúas semanas Anxo e a súa nai foran vivir á cidade por motivos económicos e familiares...

4

     Cando por fin estivo con Tomé, mentres lle estaba contando os seus soños co lobo, viron aparecer a Xoana, unha indixente, da cal dicían que era bruxa, e da que oiran que vivía nunha cova no Galiñeiro, pero nas noites de lúa chea, víana pola cidade en busca de algo.

     Mentres a bruxa se achegaba a eles, e sen perder de vista os ollos de Anxo, oíana que viña dicindo: “Pobriño, aínda non lle caeu a casca do cu, cando acepte estará como un rei nunha cesta. Pobre Lope, o que che queda aínda por aprender.”

     Amodo señora! O meu nome é Anxo, creo que me confunde. – Dixo Anxo. A Xoana, con moita tenrura, dille que o seu nome real é Lope que significa lobo:

     -Estabámoste buscando dende os tempos da Raíña Lupa, es o herdeiro do “Soñador do Lobo”, a persoa que ha de soñar para guiar e salvar o seu pobo do desastre ecolóxico da Nai Terra, como fixo o “Soñador do Lobo” nos tempos dos primeiros homes da Terra. Cando os homes, os animais e a terra eran todos da mesma tribo, e o home ó matar un animal dáballe grazas por permitirlle alimentarse coa súa carne e abrigarse coas súas peles, e pregaba por el para guiar o seu espírito de regreso á Tribo das Estrelas, a Terra quedou mergullada en xeos e neves perpetuas, os homes morrían de frío e fame ó quedar sen mamuts e búfalos para poder alimentarse e vestirse. O “Soñador do Lobo”, segue o lobo varios días ata que lle dá caza, e tras alimentarse co seu fígado, adormece e soña que un lobo lle di que o siga, e lévao por un camiño a través do xeo, ata unha terra onde hai inmensos prados verdes e os animais pastan en mandas. Ó espertarse, coa pelica fai un fardo, e regresa ó seu campamento, para guiar cos seus soños a súa tribo á nova Terra.”

     Lope, ti es o herdeiro do “Soñador do Lobo”, o legado do “Fardo do Lobo” é teu, os teus soños son moi poderosos pero tes moito aínda que aprender. Cando no soño o lobo te ataca, reláxate, deixa que entre en ti, sente o seu poder e o seu legado. Se te asustas e espertas non saberás que...

5

     -Non saberá que cousa? Que eres unha bruxa tola? ha, ha!

     -Berroulle Tomé-. Regresa ó monte Galiñeiro coas túas tolerías.

     -Pequecho, ti non o entendes, pero “o que ten de ser ser, será.” Lope vas ter que pechar ben os ollos para nos guiar...

     -Anxo, chámase A-N-X-O ou é que tamén estás xorda. – Dixo Tomé mentres Anxo observaba abraiado a ollada penetrante de Xoana. Vamos Anxo, voltemos á casa. Non foron máis que uns soños.

     Anxo e Tomé comezaron a camiñar dándolle as costas a Xoana que quedara alí dicindo unha e outra vez : “NOP A AUT EDATNOV ARAP RAVLAS A EDADINAMUH”.

     -Bule parvo! Non me gusta nadiña esa Xoana. Ata se me puxo a pel de galiña. -Dixo Tomé mentres empurraba de Anxo que aínda non recuperara a cor da cara.

     -Oes, estás ben?

     -Hum..., eh, si, claro.

     -Quen o diría, a verdade é que máis ca un lobo..., pareces un rostro pálido. -Marmurou Tomé entre gargalladas-

     -Ían ser as nove da noite cando entraron na casa, viñan aterecidos polo sucedido.

     -Recorda Tomé: do que pasou e do que che contei nin unha palabra, por favor.

     -Si por suposto, digo “Hau Lope!” -Dixo Tomé coa man erguida imitando ós indios-

     -Tomé...

     Aquela noite Tomé quedou a durmir con Anxo, facíalle falla a compaña de alguén. Anxo resistíase a durmir, non quería pechar os ollos aínda que Tomé lle dixera:

     -Agora xa non estás só, amigo, durme tranquilo.

6

     As palabras do seu amigo animábano, pero sabía que Tomé pensaba o mesmo ca el. Que significarían aquelas palabras de Xoana?

     De tanto pensar pechou os ollos un intre. Pero de contado un ruído alterou os rapaces. Abriron a porta e alí estaba o lobo coas poutas e aqueles dentes, ollando cara eles. A onde poderían escapar? Estaban acurralados. A menos dun metro de distancia, Anxo pensou que o lobo os ía comer, así que pechou con toda a forza os ollos e tapou a boca para non berrar.

     De súpeto: NOP A AUT EDATNOV ARAP RAVLAS A EDADINAMUH.

     Aquela voz... Era de Xoana; pasaron varios segundos e Anxo non oía o ruxido da fera. Así que primeiro abriu un ollo e logo outro. Xoana estaba diante súa, vendo para el con aquela ollada penetrante.

     -Xoana, onde está o lobo e que fas aquí?

     -Detrás túa, por riba do teu lombo.

     Cando volveu a cabeza puido comprobar que era só a pel dun lobo o que tiña enriba.

     -Esa é a pelica coa que fixo o fardo o “Soñador do Lobo”. É túa para sempre. Agora debes seguir a indicación dos soños.

7

     E Xoana desapareceu na escuridade.

     Os dous rapaces aínda non se recuperaron do susto e seguen acurrunchados no mesmo sitio xa que non teñen forzas para levantarse, porque aínda lles tremen as pernas.

     De súpeto, Anxo levántase e dille a Tomé que isto non pode seguir así e que todo ten que acabar o antes posible ou vai tolear.

     -Teño que ser valente. -Díxolle Anxo ó seu amigo Tomé. -Imos ir para a cama e intentar durmir, aínda que non vai ser doado; e se as 4:15h., teño outra vez o soño non vou espertar, vou seguir soñando a ver que pasa, ó mellor a bruxa Xoana ten toda a razón e vou a salvar a “Nosa Terra”.

     -E de que ou de quen vas salvar o mundo? -Preguntoulle Tomé.

     -Eu que sei, se esta noite atopo algunha solución, maná dígocha. Agora imos intentar durmir que eu teño unha misión importante que cumprir.

     Á mesma hora o soño rexurdiu e o lobo apareceu, esta vez aínda era máis feroz e fermoso, cuns ollos penetrantes, e aínda que Anxo tremía de medo concentrouse e relaxouse, e o lobo entrou nel. Foi unha sensación que non se pode explicar con palabras, hai que vivila para poder sentila. O lobo e Anxo fundíronse nun mesmo ser para dirixirse cara a aventura.

     Lope, que así lle chamaba Xoana, adéntrase no monte a toda velocidade. Estaba abraiado do moito que corría e do forte que se sentía. Xa perdera a conta do tempo que levaba correndo, cando de súpeto, ve o lonxe fume que saía das chemineas dunhas cabanas. Achégase paseniñamente e atópase cunha pequena aldea de casoupas feitas de madeira e cos tellados de palla. Atemorizado entra nunha das chozas e atopa unha persoa sentada nun banco de madeira quentándose á beira dunha fogueira. Ó escoitar o ruído, a persoa revírase e Lope queda case sen alento. Ese home tiña algo no seu aspecto que se lle facía familiar, era como se o coñecera de toda a vida...

8

     A cara daquel home reflictía tranquilidade, sabedoría, confianza. A súa barba e cabelos brancos parecía que se movían como as altas nubes ó iluminarse co lume.

     Lope, inconscientemente, tornouse en Anxo, e un sopor aliviador apoderouse del, un sosego de paz entrou no seu interior, quedou aletargado cun sorriso de orella a orella.

     E Anxo espertou, e non eran as 4:15 h., eran as 7:07h., cando os galos activaron os seus cantos temperáns.

     Tomé durmía como unha marmota, seguía nos brazos de Morfeo. Anxo tivo que espelilo cuns abaneos cariñosos.

     -Tomé, esperta. -Díxolle Anxo. -Téñoche que contar algo. Temos que ir a Vichelaboa a estar con Don Camilo, o anacoreta.

     Tomé, estarricándose e fregando os ollos, aínda medio durmido, non entendía ren. Anxo tratou de explicarllo:

     -Tiven o soño. Esta vez foi diferente. Por iso temos que ir xunto a Don Camilo. Penso que el ten a solución ós meus problemas oníricos.

     O tal Don Camilo era moi coñecido na bisbarra. El fora cura, pero un día decidiu retirarse a meditar á aldeíña abandonada de Vichelaboa. Estaba considerado coma santo e sabio, e o seu retiro era relativo, xa que recibía moitas visitas das xentes que procuraban respostas para os seus problemas.

     Vichelaboa era unha aldeíña situada no fondo do val do río Pedras. Para chegar a ela había que ir por unhas corredoiras que serpeaban a carón do río. Pedras, curvas, silvas e fentos inzaban estes carreiros.

     Tomé, que non quería amolar o xa moi confuso amigo, aceptou sen preguntas. Dixeron nas súas casas que ían facer unha excursión río arriba. E alá foron.

     O camiño que vai a Vichelaboa é todo un mostrario da nai Natura. Ofrece a contemplación de abeleiras, amieiros, salgueiros, loureiros, carballos, castiñeiros, teixos e toda clase de árbores. Silveiras, rascacús, acivros, toxos, carqueixas, codesos e ata herbas de namorar. E sobre todo fentos, ata sete tipos diferentes, destacando o dentabrún pola súa beleza, non en van é o fento real. Do reino animal só descatar que viron un corzo, un xabarín, dous esquios, unha parella de carrizos e un liscanzo.

     Unha vez en Vichelaboa visitaron a Don Camilo.

     -Bos días. – Dixeron ó unísono os amigos.

     -Bos días. – Dixo o anacoreta. Estábavos esperando. Sobre todo a ti, Anxo. Aínda que para Tomé tamén teño novas.

     Os rapaces puxeron cara de sorpresa e ademáns de facer preguntas, mais o eremita, sen darlles a oportunidade de reaccionar díxolles:

     -Non, non preguntedes nada. Deixade que eu vos poña ó día. Escoitádeme atentamente.

     Ti Tomé, que demostras lealdade e fidelidade ós teus amigos, estás dotado dun gran don, a solidariedade. Faite cura e mestre.

     Ti Anxo tes uns poderes marabillosos, sobrenaturais, pero tes que saber aproveitalos. A bruxa Xoana, discípula e devota de Satanás, intentará por tódolos medios que eses poderes, dos que estás dotado, sexan destinados para levar a cabo uns demoníacos plans. Ti, Anxo, tes poderes extraordinarios e debes aproveitalos para facer o ben.

     Podes curar xentes, podes salvar pobos, poder cambiar moitas cousas que se están torcendo neste mundo. Ti Anxo, terás que escoller, ou ben estudar medicina e ser un gran médico que ha de curar a maioría dos males actuais, ou seguir as egoístas pretensións de Belcebú, que por medio da bruxa Xoana, che fará saber. Pensa e medita.

     Fai oídos xordos a mensaxe de Xoana, que por algo cha di ó revés. Fai iso mesmo pero ó dereito:

     “PON A TÚA VONTADE PARA SALVAR A HUMANIDADE

     Non sexas Lope, faite Anxo “per secula seculorum”.

     Amén.

9

     As respostas do anacoreta foran directas:

     Ou seguía o camiño que lle propoñía o anacoreta (o ben) ou seguía o de Lope (o mal). Anxo quedouse pensando ata ter unha resposta clara.

     Entón o anacoreta propúxolle o plan para salvar a Humanidade:

     -Tes que viaxar ó mundo dos soños e acabar con Lope para sempre.

     -Esta é a vara máxica que te axudará a conseguilo. –Dixo don Camilo mentres collía de entre os andeis dita vara.

     O rapaz colleuna abraiado polo fulgor co que relocía. Era un material parecido ó ouro e na punta tiña tallada unha cabeza de lobo, con dúas xemas nos ollos.

     -Xa sabes, ás 4:15 h., deberás comezar a túa misión. Dixo de xeito tallante.

     -E ti, Tomé? Dixo asustando o rapaz.

     -Terás o valor para acompañalo nesta perigosa viaxe?

     -Si. – Respondeu non moi convencido.

     Entón os dous rapaces abandonaron a cabana do anacoreta.

     Vían pouco a pouco como o cura se ía facendo moi pequeno no horizonte.

     Anxo, mirando a vara, preguntábase que facer, estaba preocupado porque o futuro dependía del.

10

     Coa preocupación no corpo os dous rapaces andaron o camiño de volta e, sen darse de conta, chegaron á casa de Tomé. A nai estaba na cociña, ó velos chegar deixou o pano que tiña na man, e dixo:

     -Xa era hora rapaces, non vos parece que é un pouco tarde? Anxo, chamou túa nai, tivo que marchar onda a tía Mercedes así que quedas a durmir aquí. Por certo, está na casa María, (María era a curmá de Tomé) está vendo a tele, chamádea e vide todos a cear, xa teño feita a tortilla.

     Os rapaces marcharon na procura de María. Ó entrar na sala onde a rapaza vía a tele, Anxo sentiu algo raro por dentro. Aquela rapaza, deitada no sofá, non tiña nada que ver coas súas lembranzas da curmá de Tomé, agora era unha rapaza ben fermosa. Unha cambra percorreulle o corpo, desde as dedas ás tempas.

     -Hola María! – Dixo Tomé – Di miña nai que temos que ir cear. Ah! Este é o meu amigo Anxo. Acórdaste del?

     -Que tal Anxo?

     Anxo quedou calado coma un parvo, sen ser quen de contestar á rapaza. Tomé acudiu na súa axuda.

     -Veña, veña, imos cear que senón miña nai comezará a berrar.

     Ó remataren de cear Anxo e Tomé foron para o cuarto, ó chegar volveu a preocupación polo que puidese ocorrer á noite. Despois de falaren un bo anaco sobre o tema, Tomé adormeceu. Anxo seguía a dar voltas pensando en María...

     -Tomé, Anxo, espertade que xa é moi tarde!

     Berrando alegre e cun sorriso, así apareceu María no cuarto dos mozos. Estes abriron os ollos e mirándose fixamente. Que pasou? Por que non volveu o soño do lobo? E a súa misión?

     -Eh! Rapaces, que é isto? Esa variña ten unhas flores ben bonitas.

     Anxo e Tomé quedaron abraiados. A variña que lles dera D. Camilo convertérase nunha póla chea de flores. María saíu correndo do cuarto coa póla na man.

     -Non entendo nada –dixo Anxo– tiña que ser esta noite, non si?

     -Pois parece que non –contestou Tomé– vístete, bule, temos que ir falar con D. Camilo.

11

     Os nenos apuraron o almorzo e as tarefas ca nai de Tomé lles mandara facer, con fin de ir co anacoreta canto antes.

     -Tomé! – chamou María – Agarda! Onde ides?

     -Imos a casa de Anxo.

     -Vou con vós.

     -Non! Imos voltar de contado -dixo Anxo.

     -Entón que máis vos da, deixádeme ir con vós.

     -Non! É mellor que non! -aconselloulle Tomé.

     -A vos pásavos algo raro, e non o queredes contar. Porqué non confiades en min?

     -Non é iso –contestou Anxo– estás a imaxinar cousas, a nós non nos pasa nada, só que voltaremos de contado.

     María aceptou as desculpas, pero en canto os rapaces marcharon, seguiunos ás agachadas. Ó principio tiña medo, o camiño parecía perigoso e non ter fin, mais a curiosidade era mais forte ca nada.

     Por fin chegaron, e alá estaban Anxo e Tomé a falar cun ancián.

     María achegouse canto puido, en canto estivo cerca escoitouno todo, e a tal oír quedou tan abraiada que co nerviosismo derrubou uns cubos que a delataron por mor do ruído.

     -Quen é? Preguntou D. Camilo

     -Son eu, María.

     -María, que fas aquí? Preguntaron Tomé e Anxo á vez

     -Coñecédela rapaces?

     -É a miña curmá.

     E despois de contarlle todo, voltaron os tres nenos á casa de Tomé, só que agora Anxo atopábase máis forte para enfrontarse ós seus pesadelos.

12

     De volta, polo camiño, María cavilaba sobre a historia que acababa de escoitar. Non podía ser que existise un lobo tan fero; non, non podía ser ... a vara máxica trocárase nunha grilanda de flores, algo bo tiña que ter o lobo para que a vara se transformara en algo tan fermoso.

     Anxo non se percatara deste sinal pero sabía que María levaba toda a razón.

     Esa noite deitouse coa certeza de que non ía enfrontarse ó lobo, e aínda que se dese o caso dexaríao facer e ficaría onda el sen ningún medo. Deitábase cun sorriso na cara, cheo de ledicia, xa non ten medo a soñar, nin treme coma cada noite na cama, nin sente as sabas húmidas e frías. Esta noite ten as meixelas ancarnadas, sente a calor da cheminea, malia que só quedan as cinzas, e cheira o xabón das sabas que se lle achegan ó corpo.

     Ten moitas gañas de durmir e de soñar ...

     Os seus soños están cheos de montañas con ríos e regatos, lagoas e fragas. Voan as bolboretas e corren os esquíos. Papallases e perdices gozan no val. Merlos, pegas e bubelas fitan desde as árbores. Os xabarís corren entre as bidueiras, e nunha cova, ó pé da ladeira, o lobo... Está diante del, pero xa non lle parece tan negro, nin tan peludo, nin tan grande. Os ollos que antes semellaban sanguinolentos e relucentes agora aparentaban doenza e mesmo compaixón.

     4:15, Anxo esperta cheo de ledicia. Acaba de trocar un pesadelo polo soño máis fermoso da súa vida.

13

(Rematamos en trece, atentos)

     A nova correu coma un lóstrego pola bisbarra. Don Camilo morrera.

     O seu enterro foi o nunca visto. Xunto cos veciños de Vichelaboa foi acompañado por outros moitísimos de toda a bisbarra. Ata viñeron representantes das dióseces de Santiago, Lugo e Astorga.

     Anxo, Tomé e María tamén estiveron presentes. Anxo levaba a súa vara florida.

     Durante o funeral, cando Anxo foi comungar, pousou a vara nun recuncho. Sen que ninguén se decatase, a bruxa Xoana parouse ante ela e algo lle dixo, falando coa vara coma se de persoa se tratara.

     Despois María tivo que ausentarse. Tivera que ir coidar a súa avoa paterna, que vivía nunha aldea de Trasosmontes, e distaba a oito horas en besta.

     A ausencia de María entristeceu aínda máis a Anxo que non se repuxera de todo pola pérdida de D. Camilo.

     Aquela noite Anxo non soñou, ás 4:15 h., espertou. A vara estaba alí diante dos seus ollos. Xa non era florida. Era exactamente coma Don Camilo lla dera, case exacta; o vermello dos ollos da cabeza do lobo era aínda máis forte, escintilaban, alabareaban, chamuscaban a vista.

     Era noite de lúa chea.



FIN